• 2021-06-18 22:36:20
    Becas-Ayudas

    Eva Martínez presenta as bases para as becas de comedor escolar e as axudas á escolarización, que aumentan respecto ao ano pasado


    A edil presidiu hoxe a comisión informativa de Benestar Social, Igualdade, Muller, Xuventude e Patrimonio Histórico. A contía da axuda á escolarización pasa dos 95 euros do pasado ano a 100 por neno, que deberán destinarse á adquisición de material escolar, incluído novas tecnoloxías vencelladas ao estudo, e roupa deportiva

    A concelleira Eva Martínez presidiu esta mañá a comisión informativa de Benestar Social, Igualdade, Muller, Xuventude e Patrimonio Histórico. Na sesión, a edil presentou os borradores das bases para as axudas á escolarización e das becas de comedor escolar para o próximo curso escolar 2021-2022, que deberán ser aprobadas no pleno deste mes. 

    A contía da axuda pasa dos 95 euros do pasado ano a 100 por neno, que deberán destinarse á adquisición de material escolar —incluido novas tecnoloxías vencelladas ao estudo— ou roupa deportiva. Con elo, dixo, buscamos “dar resposta ás necesidades escolares do alumnado cuxas familias manifesten estar a ter dificultades económicas que lles impidan facer fronte aos gastos do inicio dun novo curso”. O orzamento destinado a estas axudas ascende a 90.000 euros, polo que chegarían a 900 menores, 379 máis dos beneficiarios do pasado curso, cando recibiron a axuda un total de 521 escolares. 

    A concelleira tamén presentou o borrador das bases reguladoras da concesión de becas de comedor escolar para o próximo exercicio escolar. O orzamento destinado a estas becas, que cobren a totalidade do custe das comidas dos escolares, é de 283.000 euros, 3.000 máis que o pasado curso, cando recibiron esta axuda 284 menores. 

    Tal e como explicou a edil, as axudas están dirixidas aos menores de idade que residan en Ferrol matriculados nun centro de ensino da cidade para cursar educación infantil, primaria, secundaria, bacharelato, formación profesional básica ou formación profesional de grao medio. O “noso obxectivo é axudar a quen o necesite, que ninguén se quede atrás”.