• 2018-11-21 09:23:13
    Cultura y ocio

    O Concello de Cerdido, en colaboración coa Deputación da Coruña, organizará mañá unha actividade a cargo do músico e actor Paco Nogueiras. O programa Brinca Vai viaxará ata o CEIP da Barqueira para que os nenos e nenas poidan cantar, rir, bailar e escoitar coas orellas ben abertas. Brinca Vai! De aquí a acolá é un espectáculo no que se combinan cancións, animacións e interpretacións cos ritmos e rexistros máis divertidos.
    Paco Nogueiras estará no CEIP cos seus instrumentos e a súa querida “Máquina” nunha divertidísima viaxe chea de humor, baile e cancións. As alegrías, as amizades, os libros, a poesía, a ecoloxía, as festas do ano e o respecto á nosa lingua serán parte da equipaxe. Unha fantástica oportunidade de brincar e pasalo ben cos amigos e amigas nun particular camiño onde a música soa con forma de sorriso grazas a esta actividade programada polo Concello de Cerdido a través da Rede Cultural da Deputación da Coruña.




    Adjuntos: