• 2019-03-04 14:01:47
    Cultura y ocio

    No Concello de Cerdido, no ano 1908, construíronse dúas escolas de indianos, feitas por galegos na emigración en América: unha no Castro en Cerdido e outra en Avispeira, en A Barqueira. Estes centros, que continúan dando un gran servizo na actualidade, fixéronse coas contribucións económicas dos veciños de Cerdido que dende a emigración en Cuba non so non romperon os seus lazos co noso concello senón que fixeron unha gran contribución de xeito completamente desinteresado pola cultura e a educación no seu pobo. Estes veciños formaron a Asociación Pila Ancha, cuxas actas de constitución constan do ano 1907 na cidade de La Habana. No ano 1941, a asociación pasou a chamarse Sociedad de Beneficencia, Instrucción y Recreo Hijos del Ayuntamiento de Cerdido.

    Os primeiros integrantes da asociación Pila Ancha e a orden de inscrición dos seus iniciadores foron:
    nº 1. Severino T. Solloso
    nº 2. José Piñón Abella
    nº 3. Eliseo García Fraguela
    nº 4. Manuel Durán
    nº 5. Eduardo Fraguela
    nº 6. Benigno Villadóniga
    nº 7. Antonio Candales López
    nº 8. Manuel Candales Mestas
    nº 9. Domingo Villadóniga
    nº 10. José Rodríguez Agras

    Dende o Concello de Cerdido queremos facer unha homenaxe a todos estes veciños e veciñas que dende a emigración fixeron tan grande contribución ao noso concello, en agradecemento pola súa gran labor e compromiso coa cultura e a educación en Cerdido. Durante o tempo da exposición, que estará aberta ao público na Area Recreativa O Castro do 8 ao 15 de marzo de 17:00 a 20:00 horas estarán dispoñibles as actas de constitución, o regulamento de Pila Ancha, o posterior regulamento da Sociedad de Beneficencia, Instrucción y Recreo Hijos del Ayuntamiento de Cerdido e outros documentos que poderán ser consultados por tódolos veciños e veciñas interesados.

    A presentación da exposición completarase cunha “Conferencia sobre as Escolas de Indianos en Galicia, a Asociación Pila Ancha de Cerdido e Severino Trinquete Solloso” coa intervención de Santiago Rodríguez Pérez (veciño de Cerdido), Bernardo Penabad Rey (Licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa), José Manuel Bouzamayor (Vicepresidente da Asociación Terras do Ortegal) e Benigno Galego Castro (Alcalde do Concello de Cerdido).




    Adjuntos: