• 2019-11-07 12:53:49
    Info General

    Sabes o que é un Xeoparque? Queres saber máis?
    O territorio conformado polos concellos de Cariño, Cerdido, Cedeira, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño está a traballar pola consecución dun proxecto en común: a candidatura para a declaración do xeoparque do Cabo Ortegal por parte da UNESCO. Así, desde o ano 2016 estanse a levar a cabo accións para o impulso desta candidatura, entre as que destacan a asistencia e representación do territorio diante de outros xeoparques, a organización de xornadas e a contratación dunha imaxe corporativa.
    Pero, ao tempo, unha das premisas fundamentais dos xeoparques é a participación da comunidade local, logrando que todo o territorio participe e contribúa ao desenvolvemento sostible para o que se traballa. E para lograr isto resulta necesario que a poboación local coñeza o proxecto, saiba o que é un xeoparque e valore os beneficios que ten formar parte desta declaración.
    Para iso, entre outras actuacións que xa están en marcha, durante este mes de novembro prográmase a celebración dunha serie de xornadas informativas polo territorio, nas que se achegará información sobre que é un xeoparque, cales son os beneficios da súa implementación no territorio e veranse exemplos doutros xeoparques, xa en funcionamento, nos que se están a desenvolver actividades de éxito.
    Así, a través do presente correo, convidámolo a asistir á xornada informativa que se vai celebrar no concello de Cerdido o próximo martes, 12 de novembro, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura.

    Para inscribirse só ten que encher o seguinte formulario: bit.ly/XornadasXeoparqueCaboOrtega





    Adjuntos: