• 2019-11-19 13:25:39
    Cultura y ocio

    A programación cultural do Concello de Cerdido continúa durante os meses de novembro e decembro con actividades para nenos e maiores. Este mércores 20 de novembro a compañía Ghazafelhos achegarase ao CEIP de A Barqueira, grazas a colaboración da Deputación da Coruña, para levar a cabo unha representación teatral dirixida a tódolos públicos e que, sen dúbida, farán pasar un bo rato ao alumnado do centro.
    O sábado 14 de decembro as 17:00 horas, o grupo de teatro “A Pombiña” de Pedroso achegará o seu traballo a Area Recreativa O Castro coa representación da obra: “Defectos de fábrica”, un espectáculo para tódolos públicos que nos fará pasar unha tarde na mellor compañía e no que poderemos gozar con esta obra cómica que de seguro será un éxito, como xa nos teñen acostumados cada vez que nos visitan en Cerdido.
    O mércores 18 de decembro O Mago Romarís achegará aos rapaces do CEIP A Barqueira o gran espectáculo “Cousas Imposibles”, un programa de ilusións ópticas que sorprenderá aos rapaces e rapazas e non os deixará indiferentes. As ilusións ópticas levante a percibir a realidade de forma errónea, un erro na interpretación que fai o cerebro sobre os sinais que lle envía o ollo. Grazas a este erro de apreciación, poderán desfrutar das sensacións únicas e incribles que nos brinda esta actividade, un erro que transformaremos nunha experiencia didáctica divertida para convertela nunha experiencia única. A exposición que se mostrará recolle máis de cincuenta ilusións ópticas que convidan aos espectadores a ser os protagonistas. Unha gran experiencia con carácter lúdico, didáctico e interactivo cuxo éxito está garantido: “Ver para crer”.

    Dende o concello queremos convidarvos a que participedes nas actividades culturais que se organizan, neste caso, coa colaboración da Deputación da Coruña a través do programa Rede Cultural, e desexamos que sexan do voso agrado como confiamos en que así será. Tódalas actividades son gratuítas para o público asistente.




    Adjuntos: