• 2020-12-09 10:35:36
    Cultura y ocio

    Cerdido segue apostando pola loita contra a violencia de xénero e acollerá a campaña Agresión Off: Eu digo non á violencia sexual. Esta iniciativa da Consellería de Emprego e Igualdade está percorrendo os concellos galegos que forman parte da Rede de entidades locais contra a violencia de xénero e o luns 21 de decembro estará en Cerdido, diante do concello, en horario de 10:00 a 14:00 horas.
    A montaxe ofrécelle á cidadanía a oportunidade de participar en diferentes talleres de sensibilización e actividades lúdicas, sempre cumprindo con toda a normativa de prevención contra o Covid-19. Tódolos talleres son inclusivos e están dirixidos a persoas de tódalas idades. No caso de público infantil haberá un espazo especial adicado as dinámicas para as súas idades.
    Os talleres están divididos en áreas de traballo con contidos concretos co obxectivo de sensibilizar a poboación contra a violencia sexual. Entre as temáticas máis destacadas abordarase o desmantelamento de estereotipos de xénero co obxectivo de combater o sexismo dende a infancia, mitos sobre o amor, alerta de micro-machismos, parella e igualdade, autoestima e valoración persoal, violencia e novas tecnoloxías, educación en igualdade e a importancia de estar informados.




    Adjuntos: