• 2020-12-15 10:41:10
    Cultura y ocio

    Chegan as datas de nadal, e a pesar de que este ano as imos vivir dun xeito diferente non por iso teñen que ser menos especiais. O próximo venres 18 de decembro, antes das vacacións de nadal, os nenos e nenas do CEIP de A Barqueira poderán desfrutar de dous grandes espectáculos.
    Os rapaces e rapazas de primaria, grazas a colaboración da Deputación da Coruña, poderán participar nun concurso sobre a lingua onde apañarán as palabras coma se fosen berberechos, onde o rotacismo forma parte da banda sonora e o seseo os vai facer viaxar entre valumada. Rilla-rilla é un espectáculo que tenta por de manifesto a variedade dialectal do idioma galegono que o alumnado será o protagonista dende o primeiro momento.
    O alumnado de infantil tamén poderá desfrutar do seu propio espectáculo, adaptado a súa idade. O Concello de Cerdido ten preparado para eles “Corochas” unha actividade cultural que combina a narración oral, a manipulación de obxectos e a música. A través do conto acumulativo, da canción e xogo de imitación viaxarán por diversas paisaxes e coñeceremos personaxes estrafalarias que deben resolver múltiples enredos.
    En ambas actuacións cumprirase rigorosamente con tódalas medidas de prevención establecidas nos protocolos vixentes (mantemento da distancia de seguridade, uso de máscaras e xel, etc) polo que esperamos que as actividades sexan do agrado de toda a comunidade educativa e as familias e dende o concello poidamos seguir apostando pola promoción da cultura galega.




    Adjuntos: