• 2021-11-12 11:01:44
    Info General

    O Concello de Cerdido acaba de publicar a convocatoria de axudas en materia de educación co fin de axudar ás familias máis desfavorecidas na adquisición de equipamento informático ou tecnolóxico axeitado para o desenvolvemento das clases escolares. As solicitudes para a concesión destas axudas formalizaranse no impreso normalizado e presentaranse no Rexistro Municipal do Concello de Cerdido.

    O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días naturais, e abrirase a partir da publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia da Coruña a través da Base de Datos Nacional de Subvencións.

    O obxecto das axudas é a adquisición de equipamento informático ou tecnolóxico axeitado para o desenvolvemento das clases escolares, entendendo por tal unicamente ordenadores, impresoras e tablets.

    O importe total previsto para a concesión das presentes axudas é de 20.000,00 euros. O importe individual determinarase de xeito proporcional en función do número de solicitudes que cumpran os requisitos establecidas nas presentes bases, fixándose un importe máximo por axuda de 500,00 euros e mínimo de 350,00 euros atendendo aos criterios de prioridade que se determinan nas bases da convocatoria.

    O orzamento a xustificar será o importe total da subvención concedida, que incluirá as adquisicións realizadas entre o 1 de xaneiro e o 10 de decembro de 2021. O prazo de xustificación remata o 15 de decembro de 2021.

    Unha vez estea aberto o prazo para presentar as solicitudes publicarase nas redes sociais do Concello de Cerdido.