• 2021-11-16 13:59:42
    Cultura y ocio

    O Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla preséntase en sociedade
    Tras meses de obras e despois de facer investimentos en equipalo, o Centro de Apoio ao Medio Rural A Fusquenlla xa está listo. As instalacións situadas no recinto feiral de Moeche contan con salas para a recepción de produtos, un amplo espazo para a elaboración de conservas e zumes e dous andares dedicados á extracción, decantado e envasado de mel, ademais de almacéns, unha grande cámara frigorífica e outras dependencias auxiliares. O centro -integrado na rede provincial de espazos de traballo colaborativo- quere converterse no referente comarcal para todo o relacionado coa transformación alimentaria, facilitándolles tanto ás pequenas explotacións como a particulares un lugar axeitado e con todas as garantías sanitarias onde procesaren os seus excedentes para a venda ou autoconsumo. O proxecto, que conta desde hai uns días con web propia, inicia agora o momento de darse a coñecer entre as súas futuras e futuros usuarios. Por iso, os catro concellos promotores -Cerdido, Moeche, San Sadurniño e Valdoviño- acollerán a partir da próxima semana un ciclo de charlas ofrecidas polo cociñeiro Antonio Díaz que inclúen demostracións sobre distintos elaborados que se poderían facer nas instalacións. A finalidade das sesións -que requiren inscrición previa- é falar d’A Fusquenlla, pero tamén chamar a atención sobre o alto valor engadido que teñen os produtos da terra transformados e, sobre todo, facilitar que as persoas interesadas se sumen ao proxecto.
    A Fusquenlla é un centro de apoio ao desenvolvemento rural orientado á transformación alimentaria de produtos do agro. Trátase dun espazo para a elaboración de conservas vexetais de horta e froita, cogomelos, zumes, marmeladas, mel, etc. A idea é que as pequenas explotacións e particulares da zona poidan procesar alí as súas colleitas, xa sexa para autoconsumo ou para darlle saída aos excedentes, contribuíndo desta maneira a complementar as economías familiares e a xerar oportunidades de desenvolvemento no territorio.
    As instalacións, situadas nunha das naves do recinto feiral de San Ramón, en Moeche, están dotadas con todo tipo de equipamento profesional e deseñadas para garantir o cumprimento da esixente normativa sobre seguridade, sanidade, etiquetaxe e trazabilidade alimentaria.
    A visita virtual polas instalacións pode facerse desde hai uns días visitando a web www.afusquenlla.gal, posta en marcha dentro dun programa de difusión financiado pola Consellaría do Medio Rural que tamén prevé a publicación doutro material informativo e un ciclo de charlas demostrativas durante os venres das próximas semanas. Delas encargarase o cociñeiro Antonio Díaz, promotor de varias iniciativas hostaleiras relacionadas coa posta en valor do produto de proximidade da nosa zona.
    O chef, que rexentou durante quince anos o restaurante Andarubel, no acceso ás Fragas do Eume- falará sobre o potencial culinario do produto local conservado preparando ao vivo distintos pratos, ademais de incidir no alto valor engadido que teñen este tipo de elaboracións sempre e cando se use materia prima da máxima calidade e se lle dea un toque innovador tanto aos procesos como á presentación do produto final.
    AÍNDA ESTADES A TEMPO DE INSCRIBIRVOS NA CHARLA PROGRAMADA PARA CERDIDO, QUE SE CELEBRARÁ O VINDEIRO VENRES 19 DE NOVEMBRO NA CASA DA CULTURA A PARTIR DAS 18:00 HORAS.
    Para participar neste ciclo fai falla inscrición previa, a través do formulario en liña dispoñible na paxina web do centro www.afusquenlla.gal, xa que só se ofrecen 25 prazas para cada unha das charlas
    O centro forma parte da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo promovida pola Deputación da Coruña co ánimo de favorecer a posta en marcha de novas iniciativas que potencien o aproveitamento dos nosos recursos e a creación de emprego sostible.
    A Fusquenlla é un proxecto dos concellos de Cerdido, Moeche, San Sadurniño e Valdoviño con axuda do Programa Leader-Seitura 22, da Deputación da Coruña e da Consellaría do Medio Rural. En paralelo á campaña de difusión, os catro concellos promotores traballan xa na definición do plan de usos das instalacións, para o que agardan recoller distintas propostas aproveitando o ciclo de charlas.








    Adjuntos: