• 2021-11-26 14:56:47
    Info General


    Hoxe, 26 de novembro de 2021 saíron publicadas as bases para as subvencións en materia de educación co fin de axudar ás familias máis desfavorecidas na adquisición de equipamento informático ou tecnolóxico axeitado para o desenvolvemento das clases escolares. As solicitudes para a concesión destas axudas formalizaranse no impreso normalizado e presentaranse no Rexistro Municipal do Concello de Cerdido.

    O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días naturais, e abrirase a partir da publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia da Coruña a través da Base de Datos Nacional de Subvencións, que comezarán a contar dende o día 27 de novembro de 2021.

    O obxecto das axudas é a adquisición de equipamento informático ou tecnolóxico axeitado para o desenvolvemento das clases escolares, entendendo por tal unicamente ordenadores, impresoras e tablets.

    O importe total previsto para a concesión das presentes axudas é de 20.000,00 euros. O importe individual determinarase de xeito proporcional en función do número de solicitudes que cumpran os requisitos establecidas nas presentes bases, fixándose un importe máximo por axuda de 500,00 euros e mínimo de 350,00 euros atendendo aos criterios de prioridade que se determinan nas bases da convocatoria.

    Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, e a súa valoración, aprobarase un Decreto da Alcaldía coa relación provisional do alumnado do termo municipal beneficiario das axudas así como a contía individual. A aprobación desta relación provisional publicarase na páxina web do concello.