-
SUPRESIÓN DE NIÑOS DE VELUTINA2019-02-27 14:32:01Info Xeral
O Concello de Irixoa aprobou un programa de eliminación de niños de vespa velutina, no cal é imprecindible a colaboración cidadán. Procederase á eliminación dos niños detectados, en convenio con especialistas, tanto primarios coma secundarios.
Solicítase dos veciños a observación do seu entorno e a comunicación ao concello da existencia de tales niños ACTIVOS (os do ano pasado xa non volverán ter actividade). O concello non financiará aquelas eliminacións de niños que non pasen polo proceso indicado, que consta do seguinte:
1. Os veciños comunicarán ao concello a existencia de niños ACTIVOS; identificarase o comunicante e ubicará coa maior precisión posible a situación do mesmo. A comunicación poderá ser telefónica, por correo electrónico ou presencial nas oficinas municipais.
2. O concello fará un control previo das comunicacións recibidas.
3. Os especialistas farán periodicamente xornadas de eliminación dos niños comunicados; estes traballos realizaranse habitualmente en horas nocturnas, ao obxecto de que a eliminación sexa máis completa. Non obstante, o concello realizará os avisos oportunos nas zonas de actuación, para que a realización dos traballos nocturnos non cause alarmas innecesarias.
O Concello de Irixoa está comprometido coa loita polo control da vespa velutina, na que todos debemos colaborar para alcanzar a maior eficacia posible. Tamén está en marcha un grupo de voluntarios colaboradores nesta loita, que contribuirá a lograr un retroceso na expansión desta praga; os veciños interesados en obter líquido atraente para trampas cazavelutinas deberán solicitalo no concello.