• 2024-07-22 12:19:04
    Festas

    Por fin chegou o sol para desfrutarmos dunha programación festiva intensa ao longo desta semana de festas municipais do Santiaguiño. Dende o mércores 24 ate o domingo 28 de xullo, o concello de Outes organiza as festas municipais cos pases de diferentes orquestras, concertos, día do Sancosmeiro, caravana e sardiñada do San Cristovo.



    Este ano introducimos o día do Sancosmeiro para reivindicarmos o noso sombreiro e facer gala del nas nosas festas. É por iso polo que convidamos a toda a veciñanza a lucir o seu Sancosmeiro e, se o desexa, traxe tradicional na noite dos concertos do venres 26.



    Contaremos coas orquestras La Oca Band, Grupo Origen e Orquestra Trébol. Amenizaran as noites musicais da horta do muíño Andrés Balado (Tributo aos clásicos do rock), Banda Municipal de Outes, Escola de Música e Baile Tradicional, Xurxo Fernandes (LEVAINO!), De Ninghures, DJ Marmelo e MARIÁN en estrea.


    Contaremos cos pasarrúas e corais de Jaitas Blues, Banda Municipal, Escola Tradicional, Ximiela, Coral Francisco Añón e Pedra Xarpal.




    O domingo 28 será a celebración do San Cristovo, coa xa tradicional caravana de vehículos ata O Freixo e a sardiñada na Horta do Muíño. As persoas que desexen participar na caravana de vehículos deberán inscribirse, antes do mércores 24 de xullo, na Casa da Cultura ou no teléfono 981 850 950 (de luns a venres, de 9:00 a 14:00 horas) ou no enderezo electrónico cultura@outes.gal. Deberá indicarse o nome, apelidos, teléfono e DNI do condutor así como o tipo de vehículo (coche, moto, camión,…) e a matrícula do mesmo.



    Por último, informamos das datas e horas aproximadas de lanzamento de bombas de palenque:



    Dende a véspera 23 ate o sábado 27 todos os días ás 20:00. Mañás do 25, 26 ás 12:00 e domingo 28 a partires das 11:00



    Podes consultar o programa na imaxe ou na sección de AXENDA



    Adjuntos: