-
O 17 de marzo disputarase a X Marcha Río Ulla BTT que atravesa distintos atractivos turísticos do municipio de Touro2024-03-12 20:59:14Deportes
O 17 de marzo disputarase a X Marcha Río Ulla BTT que atravesará distintos atractivos turísticos do municipio de Touro.
Será de 9:30 a 13:30 horas e o prazo de inscrición rematará este xoves, 14 de marzo.
Comprende un percorrido de 35 quilómetros e un desnivel de 1.200 metros. A auga terá gran un papel protagonista xa que a maior parte da ruta discorrerá ao carón do río Ulla. Despois os participantes van atoparse con outros elementos turísticos, pasando por rutas de senderismo como a PRG 93, algún tramo da PRG 121, Ponte Basebe,
Fervenza Do Inferniño, que está situada nun dos pequenos afluentes do río Ulla, rodeada dunha paisaxe natural de gran interese formado por montes, vexetación de ribeira e matogueiras, así como por prados destinados á gandería; As ouriceiras, o Sobreiral do Ulla, o Miradoiro de Pena ou o Coto de San Sebastián. Dende este
privilexiado lugar pódense ver con claridade o Pico Sacro, o aeroporto de Lavacolla, varias parroquias de Touro e as serras próximas do Farelo, o Candán e Barbanza. En días despexados e con axuda duns prismáticos pode albiscarse algún dos picos do Ancares. Ademais no coto está documentado un Castro da Idade de Ferro de forma ovalada, composto por un recinto definido por un terraplén e unha terraza a xeito de antecastro na parte norte; ademais das tres covas. Así mesmo, dende esta paraxe pódese avistar a localización do asentamento militar romano do Castrillón.
Esta ruta está dirixida sobre todo aos maiores de 18 anos, pero tamén poden participar de 14 a 17 anos con autorización. O prezo é de 10 euros, agás para os menores de idade que será gratuíta, coa condición de que a súa inscrición vaia vinculada a de participante maior de idade.
Xa hai preto de 90 persoas inscritas. Os interesados poden anotarse a través do seguinte enlace ata o 14 marzo ás 23:59 horas.
https://inscripciones.galitiming.com/inscripcion/x-marcha-rio-ulla-btt-concello-de-touro/?fbclid=IwA...
Adjuntos: