• 2020-02-05 11:03:00
    Servizos Sociais

    Resolución do 12 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a adquisición de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019. (DOG nº 8 do 11/1/2019)
    Resolución do 19 de decembro de 2019 pola que se convocan as subvencións para a adquisición de vivenda xestionadas polo IGVS para o ano 2020 (DOG nº 23 do 4/3/2020)

    Requisitos :
    Poderán beneficiarse destas axudas as persoas físicas maiores de idade que, tendo menos de trinta e cinco anos na data de presentación da solicitude, reúnan os seguintes requisitos:
    1. Ter nacionalidade española ou, no caso de ser estranxeiras, ter a residencia legal en España.
    2. Que os ingresos anuais das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia sexan iguais ou inferiores a tres veces o IPREM. Este límite será de catro veces o IPREM se se trata dunha familia numerosa de categoría xeral ou dentro da súa composición existan persoas cunha discapacidade distinta das sinaladas a continuación. O límite será de cinco veces o IPREM cando sexa unha familia numerosa de categoría especial ou na súa composición existan persoas con algunha das seguintes discapacidades: parálise cerebral, enfermidade mental, discapacidade intelectual ou discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %; discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.
    3.Ter subscrito na data sinalada na correspondente convocatoria un contrato privado ou, de ser o caso, unha escritura pública de adquisición dunha vivenda, que reúna os seguintes requisitos:
    Que a vivenda estea localizada nun concello pertencente ao territorio da CA de Galicia de menos de 5.000 habitantes (tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes publicadas polo IGE na data da convocatoria).
    Que o prezo de adquisición da vivenda, incluídos os seus anexos, sen os gastos e tributos inherentes a ela, sexa igual ou inferior a cen mil euros.
    4. Que se trate dunha vivenda xa construída, admitíndose tanto as vivendas novas como as usadas.
    5. Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean empadroadas na vivenda adquirida no momento de presentación da solicitude, para o caso de que a adquisición fora realizada con anterioridade á data da publicación da convocatoria.
    6. Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia se atopen ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teñan pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
    7. Que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como que non se lles teña revogado, ou fosen obxecto dunha resolución de reintegro dunha axuda prevista neste ou no anterior plan estatal de vivenda, por incumprimento ou causa imputable a aquelas.
    8. Que nin a persoa solicitante nin calquera das persoas integrantes da súa unidade de convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en territorio español. Para estes efectos, non se considerará que se posúe a propiedade ou o usufruto dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e foi obtido por transmisión mortis causa. Exceptuaranse deste requisito aquelas persoas que, sendo titulares dunha vivenda, acrediten non ter a súa dispoñibilidade por causa de separación ou divorcio, non poidan habitala por calquera outra causa allea á súa vontade ou que a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade da persoa solicitante ou de calquera membro da súa unidade de convivencia.

    Contía das axudas
    Será de ata 10.800 € por vivenda, co límite do 20 % do prezo de venda, sen incluír os gastos e tributos inherentes a esa adquisición.
    No suposto de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa propietaria, o importe da axuda determinarase aplicando a porcentaxe de cota adquirida.

    Documentación
    Solicitude (procedemento VI435A)
    De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante (neste modelo normalizado ou por calquera outro medio válido en dereito).
    1. Anexo III, de declaración responsable de composición da unidade de convivencia da persoa solicitante e comprobación de datos. No caso de que unha unidade de convivencia estea composta por máis dunha unidade familiar, deberase cubrir un modelo de anexo II por cada unha delas.
    2. Anexo IV, de declaración responsable da persoa solicitante e das persoas integrantes da súa unidade de convivencia, no caso de non estar obrigados a presentar a declaración do IRPF, acompañado da seguinte documentación:
    - Certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas nas cales estivese de alta no devandito exercicio.
    - Certificado de pensións ou prestacións periódicas, emitido polo correspondente organismo oficial, no caso de non ser outorgadas polo INSS.
    - Certificados bancarios de rendementos do capital mobiliario.
    3. No caso de unidades de convivencia con algún membro con discapacidade, certificado de discapacidade, no suposto de que non fora expedido pola Xunta de Galicia.
    4. No caso de que a persoa solicitante ou calquera das persoas integrantes da súa unidade de convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en territorio español e non poidan dispoñer dela:
    - Convenio regulador de separación ou divorcio ou sentenza que acredite a dita circunstancia, de ser o caso.
    -De ser o caso, documentación que acredite que a persoa solicitante e a súa unidade de convivencia no poden habitar a vivenda familiar por calquera outra causa allea á súa vontade.
    -Informe técnico que xustifique a inaccesibilidade da vivenda por razón da discapacidade da persoa titular e/ou dalgún membro da súa unidade de convivencia, de ser o caso.
    5.Contrato privado de adquisición da vivenda, no caso de non dispoñer da escritura pública.
    6.Escritura pública de adquisición da vivenda, no caso de que fose formalizada con anterioridade á data da presentación da solicitude.
    7.Xustificante de empadroamento conxunto de todas as persoas integrantes da unidade de convivencia na vivenda adquirida, no caso de que a escritura pública de adquisición da vivenda se formalizase con anterioridade á data de presentación da solicitude.

    Lugar de presentación
    Preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
    Tamén se poderán presentar presencialmente por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

    Prazo de presentación de solicitudes
    Rematará o 30 de setembro de 2020 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario.

    MÁIS INFORMACIÓN:
    SERVIZOS SOCIAS DO CONCELLO DE TOURO
    Teléfonos: 981504000/981504029