• 2020-02-05 11:09:46
    Servizos Sociais

    Orde do 31 de decembro de 2019 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2020. (DOG nº 22 do 3/2/2020) BS212A

    Obxecto
    Convocar axudas para a posta en marcha de experiencias piloto destinadas á atención de mulleres e homes maiores de 60 anos de idade, en situación de dependencia moderada e severa, grao I e grao II respectivamente, e para persoas maiores sen dependencia, como recurso de promoción da autonomía persoal, mediante o establecemento da casa do maior nos concellos que non dispoñan de recursos de atención diúrna a persoas maiores, durante o ano 2020, cun máximo de 12 mensualidades.

    Persoas beneficiarias
    As persoas físicas que se establezan como empresarios autónomos ou que constitúan cooperativas de traballo asociado que reúnan os seguintes requisitos:
    a) Estar en posesión, ou contar, polo menos, cunha persoa socia que o estea, no caso de cooperativas de traballo asociado, de calquera das titulacións que se recollen a continuación, ou equivalentes, ou da formación ou experiencia seguinte:
    1º. Grao en Medicina.
    2º. Grao en Enfermaría.
    3º. Título de técnico en Coidados Auxiliares de Enfermaría u os títulos equivalentes de técnico Auxiliar de Clínica, técnico Auxiliar de Psiquiatría e técnico Auxiliar de Enfermaría, ou, de ser o caso, calquera outro título que se publique cos mesmos efectos profesionais.
    4º. Título de técnico en Atención a Persoas en Situación de Dependencia,  ou, de ser o caso, calquera outro título que se publique cos mesmos efectos profesionais.
    5º. Título de técnico superior en Integración Social,  ou o título equivalente, para aqueles profesionais que na data de publicación do presente acordo, estean traballando na categoría profesional de asistente persoal ou auxiliar de axuda a domicilio.
    6º. O certificado de profesionalidade de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes en Institucións Sociais ou, de ser o caso, calquera outro certificado que se publique cos mesmos efectos profesionais.
    7º. O certificado de profesionalidade de Atención Sociosanitaria a Persoas no Domicilio ou o equivalente certificado de profesionalidade da ocupación de auxiliar de axuda a domicilio ou, de ser o caso, calquera outro certificado que se publique cos mesmos efectos profesionais.
    8º. Diploma que acredite a realización de cursos de formación integral e/ou complementaria para futuros profesionais da casa do maior. O curso terá unha duración de 30 horas e será impartido pola Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade. O promotor do proxecto deberá comprometerse á súa realización nun prazo máximo de 6 meses desde a entrada en vigor da orde, mediante a emisión dunha declaración responsable
    9º. Habilitación para profesionais pertencentes ás categorías de persoal coidador, xerocultor, auxiliar de axuda no fogar e asistente/a persoal nos centros e servizos sociais do Sistema para a autonomía e atención á dependencia, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, regulada pola Orde do 19 de novembro de 2008
    b) Residir en concellos cunha poboación inferior a 5.000 habitantes de acordo ou telo feito nos cinco anos anteriores á posta en marcha da experiencia piloto.
    c) Contar cun inmoble en condicións de accesibilidade nunha das poboacións mencionadas na letra anterior ou dispor del con anterioridade á posta en marcha da experiencia piloto. O citado inmoble estará dotado cos recursos recollidos no artigo 4 c)
    d) Acreditar unha revisión médica anual. No caso de cooperativas de traballo asociado, esta revisión médica deberá estar referida á/ás persoa/s social/is que desenvolva/an o proxecto.
    O requisito establecido na letra a)  agás o punto 8º, así como o certificado médico acreditativo do estado de saúde, deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
    En canto ao requisito do número 1.a) 8º, o promotor do proxecto deberá comprometerse á súa realización nun prazo máximo de 6 meses dende a entrada en vigor desta Orde, mediante a emisión dunha declaración responsable.

    Mantemento mínimo
    O período mínimo de permanencia da actividade empresarial subvencionada será de 5 anos contados desde a data de posta en marcha da experiencia piloto.

    Accións e gastos subvencionables
    a. A reforma e adaptación da vivenda destinada a servir de casa do maior, así como o seu equipamento e dotación material.
    b. A prestación da atención individualizada dos maiores de 60 anos con dependencia graos I e II e das persoas sen dependencia, como recurso de promoción da autonomía persoal.

    Tipos de axuda e contías
    1. Gastos de investimento: ata o 100 % dos gastos elixibles, cun límite máximo global por casa do maior de 15.000 euros.
    2. Axuda polo desenvolvemento do proxecto piloto: 19.600 €/ano en forma de prima destinada a apoiar esta iniciativa emprendedora ao comezo da súa andaina.
    3. Adicionalmente, no caso de que os promotores optaran por asumir o desprazamento das persoas usuarias, os beneficiarios das axudas desta orde percibirán un máximo de 5 euros por persoa e día. A estes efectos o beneficiario da axuda deberá acreditar o número de usuarios deste servizo mediante a cobertura do anexo VI.

    Lugar de presentación
    Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade e presentaranse preferiblemente por vía electrónica. A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas.

    Prazo: Ata o 3 de marzo de 2020. 
    MÁIS INFORMACIÓN: SERVIZOS SOCIAIS DO CONCELLO DE TOURO
    98150400/981504029