-
Medidas acordadas onte polo Centro de Coordinación Operativa (Cecop), liderado pola Xunta, no eido rural.2020-04-27 12:27:23Concello
HORTAS. En relación coa mobilidade dos traballadores ás hortas de autoconsumo, o Cecop determinou que as persoas que teñan cultivos ou viñedos considerados como tales, é dicir, con fins non comerciais, e polo tanto non desenvolvan unha actividade profesional agraria, poderán realizar os desprazamentos mínimos e imprescindibles para o mantemento e atención das súas leiras sempre dentro do termo municipal da súa residencia habitual. No caso de que a horta estea nun concello diferente ao da súa vivenda habitual, permítese o desprazamento sen superar nunca os 5 quilómetros de distancia desde a casa. En ambos casos, deberán aportar unha declaración responsable. Desta forma, elimínase a anterior limitación, que era de 500 metros. Así, a consellería do Medio Rural aprobará unha modificación da orde para regular este aspecto.
QUEIMAS. O Comité aprobou permitir a realización de queimas de restos agrícolas amoreados en terreos agrícolas de explotacións profesionais cando a devandita actuación se faga para evitar problemas fitosanitarios nas explotacións agrícolas. Para a tramitación das solicitudes e a obtención da correspondente autorización, os cidadáns deberán dirixirse aos Servizos provinciais de Prevención de Incendios a través de correo electrónico, e deberán incluír unha declaración responsable da persoa titular da explotación que xustifique a necesidade de realización da queima.
PREVENCIÓN DE INCENCIOS. En relación coa prevención dos incendios forestais, nesta xuntanza o Comité acordou levantar a suspensión do prazo legal para cumprir coa obriga de execución da xestión da biomasa nas franxas secundarias (as dos 50 metros próximos ás vivendas). Así, engádense ao prazo habitual do 31 de maio os días transcorridos durante o estado de alarma, sen que en ningún caso poidan realizarse as limpezas máis alá do 31 de xullo de 2020 inclusive. Por último, o Comité decidiu tamén aclarar como “funcións de carácter esencial” as desempeñadas polas entidades locais no marco dos convenios interadministrativos para a participación na prevención e defensa contra os incendios forestais, para garantir así a súa actividade durante a emerxencia sanitaria.
PLAN PARA O TURISMO. O Cecop tamén informou dos avances de cara ao desenvolvemento dun plan de seguridade hixiénico sanitaria no eido turístico que contemple medidas para reforzar a confianza nesta industria unha vez rematen as restricións impostas pola crise sanitaria
SERVIZOS DE REXISTRO E ATENCIÓN AOS CIDADÁNS. Ponse en marcha tamén o protocolo de medidas preventivas fronte ao coronavirus nos servizos de rexistro e atención á cidadanía unha vez sexan abertos ao público. Este protocolo establece as medidas referidas ás oficinas de atención á cidadanía para compatibilizar a adecuada prestación do servizo público coa máxima protección da saúde dos traballadores que realizan esa tarefa. De cara a organizar axeitadamente a atención ao público e minimizar os riscos de exposición, tanto para os empregados públicos coma para os usuarios das oficinas, esta atención presencial realizarase solicitando cita previa a través da web www.xunta.gal/cita-previa en horario de 9 a 14 horas, salvo que polo volume de peticións de citas sexa necesario amplialo. Igualmente, as citas deberán solicitarse cun mínimo de 24 horas de antelación. Estas citas serán atendidas nos rexistros xerais ubicados nos edificios administrativos da Xunta de Galicia na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago e Ferrol e adoptaranse as medidas necesarias para garantir que as citas se asignan coa frecuencia precisa para que non haxa aglomeracións de persoal na oficina.