• 2020-11-16 11:04:42
    Cultura e Turismo

    Touro persevera na inversión turística coa actualización dos seus paneis situados na entrada do concello: CAMIÑANDO POR TOURO e TOURO TURÍSTICO

    O crecente interese polo turismo rural, na boa compaña dos recursos tecnolóxicos necesarios para o seu goce, conforman un tándem perfecto para calquera que visite o concello ou teña previsto facelo, satisfacendo a súa curiosidade e/ou resolvendo as dúbidas respecto aos recursos que ofrece este destino de interior.

    Touro é camiño. Aplicación de realidade aumentada é un proxecto vivo que permite a actualización constante dos recursos para o coñecemento da veciñanza e de todas as persoas interesadas no noso patrimonio, nunha aposta de futuro pola riqueza natural, patrimonial e cultural que afiance o interese pola súa continuidade.

    A realidade aumentada permite engadir información en tempo real á contorna que nos rodea, un guía turístico que nos ilustra sobrepoñendo contido virtual sobre o que se observa no mundo real, ofrecendo textos, imaxes, sons e vídeos que amplían a información do termo municipal. Así, sen máis necesidade que o noso dispositivo móbil, poderemos multiplicar a información que temos do concello de Touro.

    As rutas homologadas de sendeirismo son un importante polo de atracción e CAMIÑANDO POR TOURO é o panel adicado a súa divulgación, xunto con outros roteiros xa consolidados e que permiten percorrer na súa totalidade o transcurso do gran río Ulla por terras tourenses.

    Para unha visión máis global da diversidade dos recursos do concello está o panel TOURO TURÍSTICO. Un percorrido por cada unha das dezanove parroquias subliñando os elementos máis destacados do seu patrimonio natural e cultural.

    Touro é camiño e como tal debe percorrerse, seguindo algunha das súas rutas homologadas ou calquera dos seus roteiros; a pé, en bicicleta ou motorizados; presencial ou virtualmente; na procura do que cada quen decida.




    Adjuntos: