Brión Informa
O Concello de Brión agradece a solidariedade de todos os veciños e veciñas que se puxeron en contacto con esta Administración para ofrecer a súa axuda e achegar doazóns en favor das persoas afectadas pola DANA. Un agradecemento que facemos extensible ás asociacións e clubs deportivos, como a UD Bastavales, que recolleron alimentos de primeira necesidade e produtos de limpeza para destinar á poboación damnificada.

Sen embargo, dende a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) informan que o máis recomendable nestes momentos é canalizar esta solidariedade a través de doazóns económicas ás organizacións e entidades cooperantes que traballan nas zonas afectadas. Estas contas son:

•    Generalitat Valenciana: Banco Sabadell ES94 0081 0693 6100 0242 3445
•    Cruz Roja Española: Bizum ao 33512 / SMS coa palabra “AYUDA” ao 3802 / www.cruzroja.es/colabora

Isto é así porque a FEMP pide a suspensión, polo momento, dos envíos de produtos. Isto é debido aos problemas existentes á hora de distribuír e almacenar todo o material recollido nas distintas campañas de axuda ás persoas afectadas pola DANA.

Ante esta situación, o Concello colaborará coa UD Bastavales para garantir que todo o material recollido este domingo no campo municipal de Brión, así como todo o que se recolla ata o venres 8 de novembro, poida chegar á poboación damnificada.

Ademais, o Concello xa facilitou o desprazamento de persoal do GES de Brión ata Valencia, en colaboración coa Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), para realizar as labores de apoio que sexan necesarias e estaremos atentos a calquera outra fórmula para colaborar. Grazas de novo pola extraordinaria, unha vez máis, solidariedade amosada. Seguiremos informando de calquera novidade e respondendo por privado a calquera dúbida que nos trasladedes.


Archivos adjuntos:
Avisos e Convocatorias 04-Noviembre-2024 17:20