O Concello de Ourol quere recordar que hoxe, 11 de febreiro, se celebra o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Con motivo da celebración deste día, queremos darvos a coñecer a existencia dunha obra levada a cabo por un grupo de investigadoras da Universidade de Sevilla na que queren visibilizar a vida de diversas científicas ó longo da historia: Hipatia de Alejandría (matemática, filósofa e inventora de diversos artiluxios como o hidrómetro ou destilador de auga), Ada Lovelace (primeira programadora da historia; creadora do primeiro algoritmo destinado a ser procesado por unha máquina), Marie Curie (descubridora das propiedades da radiación e de novos elmentos químicos como o radio e o polonio), Rosalind Franklin (descubridora da estructura do ADN) e Hedy Lamarr (sentou as bases de teconoloxías actuais como o WIFI ou GPS). Esta obra recentemente foi adaptada a formato CÓMIC para facela chegar ó maior público posible infantil e xuvenil. Nas páxinas deste cómic as rapazas e rapaces, ademais de coñecer a vida e obra de importantísimas investigadoras ó longo da historia tamén acabarán coñecendo o traballo realizado na actualidade por moitas mulleres en España no ámbito da ciencia. O cómic pódese descargar gratuitamente no seguinte enlace http://institucional.us.es/cientificas/sdm_downloads/comic-alta-resolucion/ Dende o Concello queremos incidir na importancia da educación en igualdade e que as rapaces e rapaces conten con referentes femininos no mundo da ciencia. Coa lectura de obras como a que vos presentamos cúmprese o doble obxectivo de que as nenas vexan que as mulleres poden facer carreira no ámbito da ciencia e que os nenos aprendan que os logros os conseguen as persoas, independentemente do seu xénero, idade ou nacionalidade.
|
Info General 11-Febrero-2021 12:54
|