Desde BIBLIOPAZOS sumámonos outro ano máis aos actos para conmemorar o DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL que se celebra en todo o mundo cada 2 de abril e que, en España, promove a Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil (OEPLI), sección española do IBBY (Internacional Board on Books for Young People) xunto coas súas catro seccións: Consejo General del Libro Infantil y Juvenil, Consell Catalá del Llibre Infantil i Juvenil (ClijCAT), Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX) e a Asociación de Literatura Infantil e Juvenil Galtzagorri Elkartea.
Dende 1967, o 2 de abril, coincidindo coa data do nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, o IBBY promove a celebración do DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL co fin de promocionar e fomentar os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos. Cada ano unha Sección Nacional ten a oportunidade de ser a patrocinadora internacional do DÍA DO LIBRO INFANTIL. Esa Sección elixe un tema e selecciona a un autor ou autora importante do país co fin de que escriba unha mensaxe para os nenos e nenas do mundo, e a un recoñecido ilustrador ou ilustradora para que deseñe un cartel que se difunde en colexios, bibliotecas, a través dos medios de comunicación, etc. Con este motivo organízanse diferentes actividades de animación, encontros con escritores e ilustradores, concursos e outras accións puntuais. Neste ano 2021, o a sección encargada foi a de Estados Unidos (USBBY); a mensaxe é unha creación da escritora Margarita Engle (co título de "A música das palabras") e o cartaz é autoría de Roger Mello. Se queres descargar o cartaz, a mensaxe e a información dos autores dos mesmos fai clic nos seguintes enlaces: Descarga do cartaz. Descarga da mensaxe. Descarga da información dos autores. MENSAXE DO DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL 2021 Cando lemos, á nosa mente médranlle ás. Cando escribimos, os nosos dedos cantan. As palabras son golpes de tambor e frautas na páxina, paxaros voadores e elefantes trompeteiros, ríos que flúen, fervenzas que caen, bolboretas que viran alto no ceo! As palabras convídannos a bailar ritmos, rimas, latexos do corazón, cascos e bater de ás, contos antigos e novos, fantasías e verdades. Esteas cómodo na casa ou atravesando veloz as fronteiras cara unha nova terra e unha lingua estraña, as historias e poemas perténcente. Cando compartimos palabras, as nosas voces vólvense música do futuro, paz, alegría e amizade, unha melodía de esperanza. (Tradución de María Canosa) ANIMÁDEVOS A CONMEMORAR O DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL Archivos adjuntos: |
Cultura e Ocio 30-Marzo-2021 08:10
|