En datas pasadas informamos sobre varias actividades de animación á lectura que comezaron o día 16 de setembro pasado coa actuación de Paco Cerdeira “PAKOLAS” e continuamos o próximo día 26 de setembro con OLGA CUERVO, nas que participarán os alumnos de Infantil e Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e os usuarios da Asociación ASPAVI.
Sacamos agora á luz outras novas actividades para seguir animando á lectura e dinamizar o uso da lingua galega entre os escolares do concello e para elo convocamos outro ano máis o CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBÉN que, nesta ocasión, acada a súa cuarta edición. Neste IV CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBÉN poderá participar todo o alumnado residente no Concello de Pazos de Borbén que estivera ou estea cursando estudos de Educación Primaria e/ou Secundaria nos colexios públicos do municipio durante os cursos 2021/2022 ou 2022/2023; e que presenten os orixinais escritos en lingua galega. Haberá 5 categorías para participar: - A: 1º e 2º de primaria - B: 3º e 4º de primaria - C: 5º e 6º de primaria - D: 1º e 2º de ESO - E: 3º e 4º de ESO Os relatos poderán presentarse entre os días 3 de outubro e o 15 de novembro, ambos inclusive, deste ano 2022. Coa convocatoria desta cuarta edición do certame pretendemos seguir animando á creación literaria, á escrita e á lectura en lingua galega; fomentar a creatividade e potenciar a expresión e a comprensión escritas estimulando o uso da lingua galega entre os escolares e os mais mozos, particularmente no ámbito da narrativa/relato breve, facilitándolles unha motivación para facelo como é a de participar nun certame literario. Este ano ademais hai uns pequenos cambios nas bases que son os seguintes: 1) Os traballos deberán presentarse en papel formato A4 manuscritos en letra clara ou ben impresos en tipo de letra Arial, tamaño 14 puntos e entreliñado 1,5 liñas. (Nas anteriores edicións era de 12 puntos). 2) A temática dos relatos deberá incidir, preferentemente, nas seguintes materias:
Desde a Biblioteca Pública Municipal de Pazos de Borbén "BIBLIOPAZOS" animamos a todo o profesorado do centro, aos pais, nais e demais familiares do alumnado para que os estimulen a escribir e a participar nesta nova edición na que esperamos superar a participación da celebrada no ano 2021. Ademais para animar á escrita a todo o alumnado temos organizado tamén varios "OBRADOIROS DE CREACIÓN LITERARIA". O primeiro deles titulado “ESCRIBIR PARA CONTAR” será impartido polo escritor, poeta, docente e contacontos MIGUEL ANXO ALONSO DIZ e nel participará todo o alumnado de Primaria do CPI “Curros Enríquez” de Pazos. Terá lugar nas instalacións do colexio en seis sesións dunha duración de hora e media cada unha e se levarán a cabo nos seguintes horarios: Martes, 27 de setembro: 12:30 a 14:00 - 1º Primaria Mércores, 28 de setembro 12:30 a 14:00 - 2º Primaria Xoves, 29 de setembro 09:30 a 11:00 - 3º Primaria 11:00 a 12:30 - 4º Primaria Venres, 30 de setembro 09:30 a 11:00 - 5º Primaria 11:00 a 12:30 - 6º Primaria O obradoiro está concibido coma un xeito de estruturar e dar forma aos procesos de creación que teñen lugar na forma de afrontar o proceso da escrita do escritor que os imparte. A múltiple condición de escritor-poeta, conta contos e docente fai que xogue con diversas variables: o uso da palabra, a inclusión de elementos (que da en chamar de contada), as imaxes e as actividades asociadas ao libro dirixidas a reforzar a mensaxe que se desexa transmitir á rapazada. Na maioría das veces actividades que buscan fomentar a creatividade, o amor pola arte en xeral e pola lingua galega. Todas estas variables xogan un papel relevante no intre de pórse diante da folla en branco. O obradoiro que está pensado para os escolares e cada sesión está adaptada non só a idade senón tamén ao grupo, persegue os obxectivos que se indican a continuación e estrutúrase en tres niveis que se detallan de seguido:
Terá lugar tamén nas instalacións do colexio en catro sesións dunha duración de hora e media cada unha e se realizarán nas seguintes datas e horarios: Xoves, 6 de outubro 10:20 a 11:50 - 1º ESO 12:20 a 13:50 - 4º ESO Venres, 7 de outubro 10:20 a 11:50 - 2º ESO 12:20 a 13:50 - 3º ESO Es quen de escribir un relato nunha hora e media? Atréveste a enfrontarte á folla en branco? Este é un obradoiro de narrativa onde se aprende a usar as ferramentas básicas para escribir un relato. A través do xogo, quen participe descubrirá que hai detrás do principio, nó e desenlace. Para escribir un relato precisamos imaxinación, atención e coñecer o manexo dunhas ferramentas básicas. “Relato-exprés” é un obradoiro de escrita que funciona como unha receita. A través de varios pasos, que van desde a inspiración á lectura, pasando pola escrita, descubriremos tanto o traballo que hai detrás dun texto como os elementos narrativos para poder conxugalo todo e así contar unha historia. “A personaxe da aula” vén contar a súa historia: Quen e como é? Desde onde apareceu? Cales serán as súas aventuras? A que terá que enfrontarse? Vai soa ou ten compaña? Neste obradoiro o alumnado aprenderá a construír un relato a través da creación dunha personaxe, xa que nos permitirá non só saber como é, senón tamén a manexar os distintos elementos narrativos como o espazo, o tempo, os narradores, diálogos, monólogos... a un tempo que aprenden a elaborar unha trama a partir da súa viaxe. Un obradoiro para traballar en conxunto, de xeito que se construirá un relato entre toda a aula. Unha maneira doada de aprender a estruturar as historias. Cada participante escribirá un relato xogando con narradores e estruturas algo máis complexas. Estas actividades enmárcanse no programa de "Obradoiros e Certame de Creación Literaria" do Proxecto de Actividades de Dinamización da Lingua Galega da Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén e que patrocina a Deputación Provincial de Pontevedra. Para calquera información sobre a programación podedes contactar coa Biblioteca por teléfono chamando ao número 986 497 273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.org no noso horario habitual de apertura. EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA. |
Cultura e Ocio 22-Septiembre-2022 08:30
|